As persoas que participan nos obradoiros que organizamos tanto para profesionais en activo como para alumnas e alumnos de ciclos formativos, reciben un documento con algo de teoría e consellos prácticos sobre comunicación e reputación online. Unha das cousas que inclúe ese documento son estes 4 consellos útiles e básicos á hora de comunicar online, tanto se tes unha empresa e queres dar os teus primeiros pasos corporativos na rede como se queres impulsar a túa marca persoal.

Vivimos nunha época na que a información é moita, incluso demasiada: cal é a boa, a que nos resultará útil, e cal é a que debemos desbotar? O consello é que te acostumes a buscar todo en Internet, a ler, a preguntarte a ti mesmo/a (ou a Google!) quen está detrais de cada medio, a curiosear… e así, pouco a pouco, irás tendo a habilidade necesaria para diferenciar a información valiosa da morralla pura e dura.
Existen moitos documentos, ebooks ou publicacións online e offline sobre as redes sociais, o marketing online ou os conceptos relacionados coa comunicación. A teoría está aí fóra e é moi útil coñecela e tela a man… pero á hora de comunicar online tamén se pode ser creativo/a. Os obradoiros de Elenda poden axudarche a desenvolver as ideas que teñas.
Calquera empresa ou institución que pretenda ofrecer unha boa imaxe debe coidar as mensaxes que emite e tamén a maneira de emitilas. En ocasións, os erros ortográficos ou gramaticais poden pasar desapercibidos, pero tamén poden chegar a afectar ao significado da mensaxe e, en calquera caso, sempre fan moi mal efecto. Coida a ortografía e a gramática, ou contrata a alguén que revise os teus textos.
Se tes formación ou coñecementos sobre social media, deseño web, creación de contidos ou marketing, haberá tarefas das que poidas encargarte ti mesmo/a. Pero non esquezas que o barato sae caro, tamén en comunicación, e é moito máis doado facer as cousas ben dende o principio que amañar desfeitas provocadas por un traballo mal feito. Non subestimes a formación e experiencia que teñen os/as profesionais.
Este post foi publicado o 23 de maio de 2017 no blog de Elenda, colaboradora do noso Despacho en asuntos de comunicación e creación e deseño de páxinas web. Se queres máis información sobre este tipo de servizos, contacta con nós.