No Despacho podemos axudarche se queres informarte ou solicitar algunha axuda ou subvención.

Aquí che deixamos algunhas das que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que consideramos que poden ser do teu interese. Neste link podes consultar a Guía de Procedementos e Servizos da Sede Electrónica da Xunta, na que figuran todos os procedementos con información sobre as súas bases. Indícase, ademais, que prazos de presentación de solicitudes están abertos agora mesmo.

¡Cando vexas algunha que encaixe co teu negocio ou idea, contacta con nós ou pásate pola oficina e falámolo!

Subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial. Son axudas para promover o salto ao dixital e contribuír á adquisición de vantaxes competitivas do comercio e, ao mesmo tempo, acadar un impacto positivo no ambiente, na saúde, na economía e no emprego. O prazo remata o luns día 23 de marzo de 2020, xa que o 21 é inhábil.  Aquí podes consultar os detalles do procedemento.

 

Axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola. As bases que regulan a concesión destas axudas, dirixidas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola, pódelas consultar aquí. O prazo de solicitude remata o día 30 de marzo de 2020.

 

Axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque. Publicada no DOG do 6 de febreiro, a orde inclúe as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2020 de ditas axudas. Serán concedidas para a mellora da eficiencia enerxética, da seguridade e as condicións de traballo, e da calidade dos produtos desembarcados da pesca e cofinánciaas o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Aquí podes ler a orde completa.

 

Axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros. Bases reguladoras xerais e convocatoria para o ano 2020 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Aquí a podes ler enteira.

 

Axudas a proxectos colectivos financiados polo FEMP, para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Publícanse no DOG do día 5 de febreiro de 2020 (cun mes de prazo para presentar solicitudes) as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2020. Trátase de proxectos no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños. Aquí, máis información.

 

Axudas para a innovación no sector pesqueiro: A Consellería do mar publica as bases para a concesión destas subvencións para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG, é dicir, do 29 de xaneiro ao 29 de febreiro. Aquí podes ler a orde completa.

 

Axudas relacionadas coa pesca sustentable: Publicáronse as bases que regulan os procedementos para a concesión de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros (aquí podes velas) e tamén para tripulantes de buques pesqueiros (aquí), cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2020 os devanditos procedementos.

Subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal. Preténdese con estas axudas impulsar a transformación ou mellora no eido dixital do sector comercial e artesanal, a modernización integral dos locais comerciais, e a expansión dun sector comercial que está a evolucionar e transformarse para satisfacer os cambios que a clientela demanda e a análise de novos mercados, mediante a apertura dun novo establecemento e/ou mediante a posta en marcha ou a participación en proxectos piloto pop up e concept store. O prazo remata o luns día 23 de marzo de 2020. Aquí podes ler a orde completa.

 

Programa do bono das persoas autónomas. Concédense estas axudas para a mellora da competitividade, da actividade empresarial ou profesional, a través de servizos e investimentos. Dado que se advertiron erros nas versións en galego e castelán da orde cando se publicou por primeira vez (no DOG do 3 de febreiro),  por razóns de seguridade xurídica, publicáronse as bases de novo. Aquí está a versión definitiva de dita orde. O prazo rematará o 30 de setembro de 2020. 

 

Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación (concorrencia non competitiva). Son axudas que pretenden xerar emprego estable para persoas desempregadas apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais con especial atención aos concellos do rural galego. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xullo de 2020. Aquí tes a orde completa.

 

Axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma (concorrencia non competitiva). Son axudas económicas para persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa desempregada para favorecer a conciliación da súa vida familiar e laboral, unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2020. Aquí podes saber máis.

 

Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación e formación de persoas asalariadas (concorrencia non competitiva). Estas axudas promocionan a contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas, realizadas por persoas traballadoras autónomas ou profesionais. As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 01 de outubro de 2019 e o 03 de febreiro de 2020: ata o 3 de abril de 2020. E as solicitudes de axudas por contratacións realizadas dende o 4 de febreiro de 2020 deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. O prazo xeral rematará o 30 de setembro de 2020. Aquí tes a orde detallada.

 

Programa do bono renova nos negocios de persoas traballadoras autónomas (concorrencia non competitiva). Estas subvencións teñen por obxecto axudar ao cambio xeneracional ordenado nos negocios das persoas traballadoras autónomas, desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2020. As beneficiarias poden ser as persoas traballadoras autónomas que van transmitir o seu negocio por cese (sempre que cumpra unha serie de requisitos), e as persoas que adquiran o negocio. Podes ler os requisitos e contías das axudas, así como máis información destas axudas, aquí. O prazo remata o 30 de setembro de 2020.

 

Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas (concorrencia non competitiva). As persoas beneficiarias son que se dean de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2020 e cesaran con anterioridade na súa actividade por causas económicas. As axudas consisten en bonos apoio e bonos formación. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2020. Aquí podes saber máis sobre estas axudas.

 

Axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (concorrencia competitiva). As liñas de axuda son para a elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) e para a conciliación (TR357D), así como certificacións de RSE (TR357B). O prazo de presentación das solicitudes remata o 24 de febreiro de 2020. Aquí, a orde completa.

 

Subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas. O prazo remata o día 3 de marzo, e podes ler a orde completa aquí.

 

Fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais: A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais. O prazo de solicitude remata o 29 de febreiro. Aquí tedes máis información sobre estas axudas.

Subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais. Son axudas destinadas a montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Aquí podes ler a orde completa. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 19 de marzo de 2020.

 

Axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio. Remata o prazo de recepción de solicitudes o 30 de novembro de 2020. Aquí podes ver a orde completa.

 

Axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto. Aquí podes ler a orde completa. Para as poxas realizadas desde o 1 de agosto de 2019 ata a data de publicación da orde (o 17 de febreiro de 2020), o prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de marzo de 2020.

 

Axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia. Son axudas cofinanciadas co Fondo Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020. Accede aquí ás bases completas.

 

Axudas no marco do PDR: Publicouse a convocatoria de axudas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR). Subvenciónanse os investimentos das explotacións agrícolas, a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, e a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas. Aquí, máis información.

 

Axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural): A Consellería do Medio Rural publicou o día 28 de xaneiro a orde que establece a bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se convocan para o exercicio 2020. Aquí tedes máis información sobre estas axudas.

Axudas para a posta en marcha de casas niño. Son subvencións para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade. Aquí podes ler a orde completa. O prazo para solicitar estas axudas remata o 18 de marzo de 2020.

 

Subvencións no marco do programa Servizo de Voluntariado xuvenil, para entidades de acción voluntaria e entidades locaisAquí podes ver as bases destas axudas, coas que se pretende axudar a incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización de proxectos de voluntariado. O prazo remata o 3 de marzo de 2020.

 

Subvencións no marco do Programa Voluntariado Sénior, para entidades de acción voluntaria e entidades locaisAquí podes ver as bases das subvencións, son para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa Voluntariado Sénior. O obxecto destas axudas é incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado. O prazo remata o día 3 de marzo de 2020.

 

Subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariadoAquí podes ver a orde completa. O prazo rematará o día 3 de marzo de 2020.

 

Axudas no marco do programa Respiro FamiliarAquí podes ler as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras.

 

Axudas no marco do programa Iniciativa Xove. A orde, publicada no DOG do 10 de febreiro, contén as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove durante o ano 2020. Son subvencións dirixidas a grupos informais de mozos e mozas e ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e ás súas respectivas federacións. Apoiaranse proxectos en que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales ela sexa a súa principal protagonista. Aquí tes as bases completas.

 

Axudas para a posta en marcha de casas do maior. Trátase de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores. O prazo de presentación de solicitudes remata un mes despois da publicación no DOG desta resolución, é dicir, remata o día 3 de marzo de 2020.

 

Axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social. Le aquí a orde completa, publicada o 6 de febreiro, na que se inclúen as bases que rexen o procedemento, requisitos e prazo de solicitude (1 mes a contar dende a data de publicación).

Adquisición de vehículos adaptados a personas con mobilidade reducida. Publicouse a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi ECO. Aquí a podes ler.

Axudas para a creación escénica. A Axencia Galega de Artes Escénicas (AGADIC) concede estas subvencións para fomentar a produción escénica en calquera disciplina artística. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de marzo. Podes ler a resolución completa aquí.

 

Subvencións para concellos de Galicia, para equipamento e mellora dos locais utilizados para actividades culturais. A orde establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Podes ler aquí a orde completa. O prazo remata o 19 de marzo.

 

Axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivo. O obxecto é garantir unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos, e a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística. Aquí podes ler a orde completa, e o prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de marzo.

 

Subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico. O obxectivo é a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Aquí tes a orde completa, publicada no DOG do día 10 de febreiro.

 

Axudas para tradución de libros en galego. Son subvencións referidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. Aquí podes ler a orde completa, publicada no DOG o día 10 de febreiro.

Mellora de infraestruturas de establecementos turísticos, e no medio rural:  Saíron publicadas no DOGA estas resolucións polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, por unha parte, para mellorar as infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración en Galicia (aquí poden consultarse), e por outra parte, para entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural (podes velas aquí).

 

Subvencións para establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada para obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística. O obxectivo é apoiar e promover as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española que considera o prestixio, fiabilidade, rigorosidade e profesionalidade dos establecementos avaliados para asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 2 de abril de 2020. Podes consultar aquí todos os detalles do procedemento.

Subvencións para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación. As unidades mixtas concíbense como un instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver de forma conxunta e coordinada actividades de investigación, innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de marzo. Aquí podes ler a resolución completa.

 

Subvencións para a consolidación de unidades mixtas de investigación. O obxectivo das axudas convocadas é a consolidación, o fortalecemento e o mantemento da actividade investigadora e innovadora destas unidades mixtas de investigación, dando así continuidade e evolución ás expectativas, obxectivos e resultados das súas liñas de investigación e traballo co desenvolvemento de novas actividades e novos proxectos no marco destas. O prazo para solicitalas remata o día 20 de marzo. Aquí tes todos os detalles.

 

Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia. Financiaranse actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses e un día contados a partir do día seguinte ao da publicación, realizada o 19 de febreiro. Aquí podes ler a resolución completa.

 

Axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento. Son axudas aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na Estratexia RIS3 de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Poden beneficiarse destas axudas os centros tecnológicos e centro de apoio á  innovación tecnolóxica de Galicia (inscritos de forma válida). Subvenciónanse infraestructuras de investigación. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de marzo de 2020. Aquí podes ler máis sobre estas subvencións.

 

Axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia).  Son axudas convocadas pola Axencia Galega de Innovación, e poden ser beneficiarias as empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, así como os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de abril de 2020. Podes ler aquí a convocatoria completa.

Axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica. Trátase de promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera. Son axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020). Aquí podes ler a orde completa. O prazo para presentar as solicitudes rematará o día 17 de marzo de 2020.

 

Axudas para concellos da Rede Natura 2000. Establécense as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas para investimentos non produtivos que resulten necesarios para conseguir obxectivos ambientais. Son investimentos que non darán lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas, pero contribuirán á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR). Aquí podes ler a orde completa.

 

Subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta. Convócanse para o 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. O prazo terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 11 de decembro de 2020. Aquí podes ver a resolución completa.

 

Subvencións para a adquisición de vivenda xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (concorrencia non competitiva). As liñas ás que vai dirixida a subvención son a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e de vivenda nos centros históricos. O prazo comezou ao día seguinte da publicación no DOG (publicouse o 4 de febreiro de 2020), e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.  Aquí podes ler a resolución completa. 

 

INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

Liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación. Trátase de axudas enmarcadas nas políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia, que atende a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. Dado que son varias liñas de axudas cuxas bases se publican nunha mesma resolución, podes consultar os prazos e máis detalles na mesma.

Axudas para a participación no programa Conecta con Galicia. Son axudas que se dirixen a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos, de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior. O programa desenvolverase na modalidade ao aire libre, e permitirá a 174 mozos e mozas permanecer en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia para realizar unha serie de actividades. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de marzo. Aquí podes ler a resolución completa.

 

Programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas. Facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo maternofilial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato, como modelo de convivencia. O último día para presentar as solicitudes é o 24 de marzo. Aquí podes ler a resolución completa.

 

Subvencións do programa Reencontros na casa para persoas residentes no exterior. Financiarase parcialmente o custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos. O prazo de presentación de solicitudes remata o luns 23 de marzo (dado que o 21 é inhábil e se prorroga ao primeiro día hábil seguinte). Aquí podes ler a resolución completa.

PROMOCIÓN ECONÓMICA

Axudas «Cheque Brexit». Trátase de axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido, unha das medidas que o Igape está a desenvolver para clarificar na medida do posible a situación e minorar os efectos sobre as empresas galegas. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2020. Aquí podes ler a resolución.

 

IGUALDADE

Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A Secretaría Xeral da Igualdade establece as bases reguladoras que rexerán as subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020. O prazo de solicitude remata o día 3 de marzo. Aquí podes ler a resolución completa.

 

Axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia. Son axudas financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O prazo de presentación das solicitudes remata o 4 de marzo de 2020 (1 mes despois da publicación do DOG da resolución, que podes ler aquí).

 

DEPORTES

Adquisición de equipamentos deportivos: Publicáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. Aquí podes ler a convocatoria.

 

AFORRO ENERXÉTICO

Subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables. Poden solicitala as empresas de produción agrícola primaria. Aquí podes ler a resolución completa.

 

INDUSTRIA FORESTAL

Axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. Financianse tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. Son axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 19 de marzo de 2020. Aquí podes ler a resolución completa.